lunes, 21 de junio de 2021

NENEZ MENTAL

Baixei as escaleiras correndo coma un neno. Ás veces realizo actos de neno; porque fisicamente hai momentos nos que me sinto coma un neno. Mentalmente son sempre neno. Xa mo dicía miña nai, a pobre. E agora tamén mo di a muller. Sinceramente, facer de maior, facer de adulto, por veces, é difícil. Cando me quero poñer serio, por exemplo politicamente, axiña me miran mal. E a pesar da miña nenez mental, xa non teño idade para meterme en camisas de once varas. Eu, que tan só cheguei a manexar en toda a miña vida dúas simples varas... a pequena, ou o que é o mesmo, a de ir para o monte e a aguillada, ou sexa, a que se usaba cando se xunguían as vacas.


Ter nenez mental semella que é case coma un insulto. Que va! Co feliz que me sinto tolear coma os nenos... É bonito ser neno! Si, poida que sentíndome cativo o coñecemento sexa pouco, pero para que quero ter máis? Chégame co que sei e con non presumir de listo. Presumir de listo mesmo acaba sendo aburrido. Porque ó final ninguén che fai caso. Non hai como facer o parvo. Ou insinuar que se ten mentalidade de neno. Os nenos son inocentes ata que sacan a maldade que levan dentro, que, por veces, é moita. Mentres que os adultos xa sacamos directamente o demo, que penso que é peor que esa maldade dos cativos.

Resumindo: que usando tan só dúas varas e tanguendo eses feitos que realizamos dentro dunha presunta inocencia, vivo coma Deus. É dicir, coma un neno.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 21 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario