domingo, 27 de junio de 2021

O RÍO DA MIÑA CONCIENCIA

Souben de ti porque preguntei e busquei. Pensei que nunca na miña vida te perdería, pero unha noite, na que a lúa vella se acochou detrás dunha nube negra, perdinte de vista e aí empezou o meu calvario. Porque axiña, ó momento de decatarme da túa ausencia, iniciei un viacrucis por todos os lugares habidos e por haber buscándote. Fun deica os confíns do universo preguntando por ti; polo teu brillo metálico e vermello. Ninguén me soubo dar razón de ti, e empecei a desesperar.


Porque, contigo, os meus soños deixaban de ter presencia no meu universo ó descargalos en ti. Sen ti, a miña historia, a miña vida será efémera e ninguén saberá dela. E todos temos o noso orgullo, o noso ego. Non quero ser menos. Quero que saiban de min e sen ti son un cero á esquerda. Sen ti os versos non riman e non fan poema.

Non obstante, non desesperei; seguín preguntando por ti e buscándote. A miña subida ó monte Calvario era xa agónica, pero sabía que en algún lado tiñas que estar. Os meus pensamentos non podían estar pechados para sempre, nin tan sequera aqueles exabruptos que de cando en vez ou moi a miúdo caían sobre o papel da carraxe. Medio desesperado e lembrando o punto de partida volvín a el e alí estabas, condenado!, sobre un papel a medio escribir nunha mesa da terraza do café. Collinte con emoción nos ollos e deixei caer pingas de orballo para completar o relato. Es o río da miña conciencia, que levas as pingas de orballo a un papel raiado.


Café Kibu. A Valenzá. Domingo, 27 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario