martes, 8 de junio de 2021

COUSA BONITA

Pasaban uns poucos minutos das catro (tan só tres ou catro) cando puxen as zapatillas (agora chámanlles tenis, pero xa se sabe que son outros tempos) porque estamos xa na época de poñelas, porque vai sol. Se chovera poría uns zapatos, aínda que fosen de verán, pero zapatos. Logo de calzarme prepareime ben; ou sexa: auriculares ós oídos (música, mestre) e bozo para lembrarlle ó bicho que, en principio, por aquí non entra.


Saín á rúa. O sol pegoume de fronte. Quentaba e quenta. Deume pena o Silabario, que estaba e está aparcado ó sol. Pero como se adoita dicir: é lei de vida. Cando estaba chegando ó atallo oín cantar a un paxariño. Cousa bonita! Que bonito é o canto dos paxariños!, pensei. E xa no atallo vin como fuxía unha lagartiña que logo me fixo exclamar: cousa bonita!

Cousa bonita tamén era a música que estaba escoitando; naquel momento, o jazz de John Coltrane; máis tarde, un tema da banda sonora de “Baraka”; e agora, “In The Mood”, de Glenn Miller. Cousa bonita é, como non, e neste tempo, sentar nunha terraza para tomar un café e cuspir catro palabras que non me levarán a ningún lado, pero quedei coma deus soltándoas. Cousa bonita tamén é ver pasar, por exemplo, un coche vermello e pensar que quen vai conducindo é a esperanza. Por certo, non me digades que a esperanza non é bonita? É marabillosa! Como bonita é a biblioteca que me está esperando. Para alá vou.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 8 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario