jueves, 10 de junio de 2021

NA MIÑA CONTRA

De camiño ó café carguei as pilas para falar na miña contra. Non me caen os aneis porque me poña a parir ou porque cuspa para arriba. Non podo ir dicindo por aí que quero ser astronauta cando non sei nin vestir unha camisa. O traxe de astronauta ten o seu aquel. Tampouco sabería desenvolver certas ecuacións físicas e químicas porque eu, na realidade, son máis de letras. É complicado convencer a alguén do que non se sabe, do que non se domina. Coñezo a fondo a nugalla e nela me baseo para non facer nada. Así de simple e así de sinxelo.


Non me importa entón facer crítica dos meus actos. Non podo intentar convencer á xente de que a mellor flor é a do toxo, cando eu ando doente e perdido por un bosque de rosas. Máis ben un xardín, no que ulo ou cheiro algún que outro desexo. Tampouco podo aconsellar coa filosofía da vida, cando eu mesmo non sei en que consiste. Se digo branco, alguén seguro que me rebate, que me refuta que é negro. Logo, despois, máis seguro que sexa gris ou vermello. Sería cuestión entón de facer dobre crítica ou crítica dobre.

Xa no café déixome arrastrar polo folio en branco e tras de min quedan regos ou pegadas que nin eu mesmo entendo e que, por suposto, non sabe ler ninguén. Non se pode ler o que non se sabe expresar! Pero é igual; derrúbome, estombállome sobre as rosas do xardín e desexo que os seus pétalos se peguen ó meu peito. E, en silencio ou con ruído, soño co orgasmo do insulto, do devezo.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 10 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario