martes, 29 de junio de 2021

O BOTELLÓN

Empezo a entender a miña cara de vinagre. Porque non me souben divertir de mozo. Como era e son abstemio... É que acabo de oír pola Galega os problemas en Ourense e Vigo a causa do botellón. Paréceme moi triste que haxa que botar man do alcol para divertirse. Eu penso que me divertín bastante (e ben) na miña infancia e xuventude e, xa digo, sen probar unha gota de alcol. E sen os medios que teñen ou que lles poñen agora ós mozos para gozar da vida. Hai que lembrar que o alcol, cando se sobe, anula á persoa que levamos dentro.


Tampouco é necesario armar o escándalo que se arma porque se xunten unha ducia de amiguetes; aínda que aquí, en Galicia e en España, en xeral, somos moi propensos ó ruído, ó alboroto, ó berrar para non falar baixiño; non vaia ser que non nos escoiten. E nos botellóns é certo que hai ducias e ducias ata que forman centos de gorxas que alteran ó máis tranquilo.

Tampouco quero aconsellar a ninguén con outras formas de divertirse, que haberlas hailas, pero eu guieime polas miñas e creo que non me foi tan mal. Pois aínda que ó principio fale da cara de ferreiro, sei que tamén sei facer rir, ou sexa, que fago vivir e que vivo alegremente. Divertíame e aínda me divirto coa lectura e a escritura, e en cuestión de xuntanzas, podo dicir que o famoso mazadoiro da burga de Baños de Molgas é unha gran testemuña das nosas diversión e sen facerlle dano a ningún veciño, nin tan sequera poñelo dos nervios. Alí, sentados nel ou ante el, arranxabamos o mundo a base de gargalladas e coa felicidade flotando no entorno. E sen alcol.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 28 de xuño de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario