martes, 16 de abril de 2013

A MEMORIA FAISE HISTORIA



              Na punta dunha estrela baila a careta do rei león e a Ave María de Schubert sae do asubío do vento que funga por entre as carballeiras da Costela. Corre o neno, chouta o can, ornea o burro e chispea o lume da lareira nas longas noites de inverno. Hai longas noites e hai noites que se fan aínda máis longas. Polo fío da navalla camiña o arco do indio Gerónimo que perdeu nunha escaramuza que mantivo contra o rostro pálido Johnny West. Sae o sol pola serra de San Mamede, aniña a pega nun piñeiro solitario, tocan a morto as campás da igrexa parroquial e o Adagio For Strings racha a melancolía e a nostalxia pola película “Platoon”. Hai películas que arrolan os pensamentos antibélicos e hai guerras que precisan de moitas películas para que a memoria se faga historia. O neno colle o tiracroios, lanza o coio, laia o can e ornea de novo o burro. Acocha o sol polo outeiro de Brandín, queda a pega a escuras e o sancristán clama un requiescat in pace polo morto.

              Café Viena 17 de Ourense. Venres, 12 de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario