sábado, 6 de abril de 2013

O ESPERPENTO MELLOR CÁ CORRUPCIÓN



              Xa sei que o gran acontecemento da semana pasada foi a imputación da infanta Cristina no caso Nóos. Pero a min chamáronme realmente a atención dúas novas que, máis que ser noticia, son curiosidades. Asuntos de tal esperpento que se chegasen aos oídos de Valle-Inclán, este resucitaría para darlles a forma que eu non lle saberei dar. Máis imos alá de todas as maneiras. A primeira nova vai duns ladróns tan “cariñosos” que, logo de amordazar e roubar a unha muller, deixáronlle unhas tesoiras para que se liberase. E segundo palabras da señora, nin se enfadaron cando viron que alí non había practicamente nada para roubar. Hai que recoñecer que dentro do acto delituoso, os ladróns actuaron “con corazón”.
              Máis esperpéntica foi a actuación dun portugués en Vigo, que, despois de lle levar o coche a grúa, foi de espelido, de listo e reclamouno, para acabar detido porque o vehículo seica non era seu. Tiña algo de truco o asunto; alugárao en Portugal e amargáralle devolvelo cando lle caducara o tempo… “non ía facer máis de 500 quilómetros para iso”. Así de sinxelo e de simple. Noticias moito máis simpáticas que a corrupción que asola o noso país.

              Café Viena 17. Venres, 5 de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario