jueves, 11 de abril de 2013

O ASUBÍO DUN MERLO



              O asubío dun merlo racha o silencio nunha mañá chea de néboa, pero con tendencia a despexar. Por algúns lados xa se presume o sol. A aventura dun conto baséase nun soño daquel que vive para pensar no infinito e máis alá. Hai xente que pensa a esgallo e hai contos que flotan nos pensamentos dos que viven pechados entre as catro paredes dunha prisión que berra liberdade. O asubío dun merlo é a nota musical que se espalla polos parágrafos dese conto que aínda non se escribiu. Algúns autores escriben os contos no aire antes que no papel. Nese asubío do merlo van as nostalxias de cando os contos eran simples lecturas; agora son ansiedades que se cuspiron nas noites de silencio á beira dun outeiro do Medo. O asubío dun merlo é a mellor banda sonora que un contista pode compoñer por entre esa néboa que xa disipou. A ladaíña dun ruído viaxa polos riscos dun camiño que morre no tempo do esquecemento.

              Café Oren Express da Valenzá. Luns, 8 de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario