sábado, 13 de abril de 2013

AQUELES TEMPOS CINEMATOGRÁFICOS



              Vin moito cine nos oito anos que me tirei nos Milagros, practicamente todas as fins de semana. Pero nos nove anos e pico que vivín en Madrid, aí xa me saía unha media de 20 películas ao mes. Isto hai máis de 22 anos, ou sexa, na década dos 80. Hai uns días lin un artigo nun xornal no que se contaba que nos últimos dez anos desapareceron 44 salas do centro de Madrid, o lugar que máis rexentaba. Cada liña que lía do artigo era como un punzón que me atravesaba. Que a sala 1 do cine Avenida expuña agora bolsos e abalorios. Que o Bogart, o Roxy A, o Azul (o primeiro en implantar butacas que semellaban sofás), o Rex e o Pompeya pasaron a comercios ou vivendas porque o señor Gallardón co novo Plan Xeral de Ordenación rompeu a blindaxe cultural dos cines. Que os Luchana pecharon as portas o verán pasado; tres salas nas que aínda lembro o mellor ciclo cinematográfico que vin nunca, o titulado Amar ao Cine, onde proxectaron unha boa morea de filmes clásicos, en versión orixinal subtitulada. Naqueles tempos, en v.o.s.! Tiven a sorte de vivir practicamente á beira do “pequeno Broadway” (uns 200 metros da rúa Fuencarral), que estaba cheo de cines, uns dez ou once. Hai novas que, sen ser políticas ou de sociedade, déixante de igual maneira para o arrastre. Aqueles tempos cinematográficos…

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 11 de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario