domingo, 21 de abril de 2013

A PODREMIA DA PRENSA



              Por unha banda: un terremoto provoca 152 mortos e máis de 5.500 feridos no centro de China. Por outra banda: Atentado en Boston con 3 mortos e 176 feridos. Por un lado: mortos en guerras de Afganistán, Exipto, Gaza, Iraq e aínda un etcétera máis. Por outro lado: 3 mortos, 176 feridos, 1 “liquidado” e outro detido polo atentado de Boston. Mortos por todos os recantos do mundo. Pero hai mortos e mortos. Aquí tamén hai clases. Non é o mesmo un morto ianqui que un morto chino ou palestino ou exipcio ou iraquí ou afgán ou etcétera. Enténdese que cada país sufra ou defenda aos seus, pero a prensa… ai a prensa! A neutralidade da prensa cheira a podremia. Para esta tamén hai clases. Os 152 mortos chinos ocupan unha ou, como moito, un par de columniñas nunha páxina dos xornais (incluído La Región), mentres que os 3 mortos ianquis ocupan desde o luns (creo que foi ese día) páxinas enteiras en todos os xornais e horas de programacións nos demais medios de comunicación. Un morto chino finou alá no quinto inferno. Un morto ianqui deixou este val de lágrimas aí, nada, ao outro lado do cristal da televisión. Non che é o mesmo morrer pola patria (en Estados Unidos sempre se morre pola patria) que morrer pola forza da natureza. Hai clases, señores.

              Finca Fierro. Domingo, 21 de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario