jueves, 4 de abril de 2013

UN CHISCO DE RUÍDO



              Quixo o silencio facer ruído dentro da algarabía, pero o ruxerruxe dun espazo baleiro calma as entrañas dun obxecto amorfo. A bailarina pasou na punta dos pés para non facer ruído. O trono rebentou o silencio que reinaba no medio do océano. Quixo a troita correr polo Arnoia arriba, pero baixou á carreira aberta a tartaruga ata a mesma Pitediña. Por certo, baixou nadando. Rosalía Casposa Melenas tensa o arco, solta a frecha e esta esgaza o aire para facer un chisco de ruído no medio dun clímax de silencio, no medio dunha tensión que se oe, que se palpa. Quixo o leite de burra ser queixo de sobremesa, pero o berro do pai de Rosalía, Eliseo Casposa Calvo, fixo choutar ao xamón desde a lacena ata a mesa. Hai ordes ruidosas que rompen a tranquilidade e hai desexos silenciosos que rachan os balbordos, os barullos, os algareos.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 3 de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario