domingo, 28 de abril de 2013

SOMBRAS



              As sombras debuxan unha figura na que os movementos dos brazos son coma camiños que levan a máis alá do infinito. O perfil das pernas marcan a canle dun río que, imaxinamos, vai dar ao mar. Hai ríos que non chegan ao mar. Moitos ríos. As sombras remarcan algo así como un latexo de esperanza cada vez que se retorcen polo compás dun baile. Hai sombras que atormentan, que acovardan, que envelenan. Hai sombras que rebentan a gargalladas e que viaxan polo espazo sideral dunha infancia demasiado madura. Infancia que flota agora no recordo e que se instala entre catro liñas dunha novela eterna, dunha novela que se empezou a escribir entre as sombras dos amieiros da Porfía e os carballos da Ansuíña. As sombras esfúmanse e o sol acocha baixo as sabas dun silencio nocturno que penetra polo oeste de Baños de Molgas. Sombras que se van; como a infancia. Só ti, recordo, te eternizas.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 26 de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario