domingo, 9 de noviembre de 2014

AS AIRAS DA MELANCOLÍA



              Auga quente. Coiro de pita. Copa de viño. Gol no partido. Conciencia tranquila e pura na carballeira dunha vida chea de altibaixos. Quere o sermón do crego ser lección de esperanza, pero hai parolas que ninguén entende e o tempo, así, pasa voando. Porque cando non entendes nada, ti mesmo fas a película á túa maneira. Cadeiras recollidas debaixo dunha mesa. Catro gatos que andan á xaneira. Fume no forno comunal e palleiros de centeo na aira da melancolía. De cando a malla era a festa chea de suor e o po compañeiro do labrego. Na aira da melancolía circula a infancia nocturna de catro nenos que andaban a velas vir e que lles servía de acocho á dureza da vida familiar e labrega. Cantos ruxerruxes se levaron a cabo entre os palleiros da inocencia! Cantos ruídos e cantos silencios en tan só uns minutos! Hai airas que non deberían desaparecer nunca. Xa quedan poucas. Agora son prazas cheas de barbarie política e de incomprensión veciñal. Onde están as airas da melancolía?

No hay comentarios:

Publicar un comentario