O reloxo marcaba a unha do
mediodía e Lázaro Elezar Suárez tiña présa, moita présa. Dentro dunha hora tiña
que chegar ó Outeiro Miau para cortar uns piornos na leira que estaba á beira
dereita da estrada. Estaba a máis de 30 quilómetros de Nocelo, no concello de
Baños de Molgas. Así é que Lázaro dispúxose a comer como unha gaivota, ou sexa,
ás présas. Non sei se o conseguirá. O de comer como unha gaivota. Porque Lázaro
Elezar Suárez era, quizais, a persoa máis lenta comendo de toda a contorna.
Incluso, para máis aquel, entre prato e prato, adoitaba fumar un cigarro. Pero
neses momentos o noso protagonista deixou aparcado o paquete de tabaco e tan só
puxo sobre a mesa un prato de caldo, con algunhas codias de pan á beira. Non
sei se o homiño coñecía as gaivotas (era do interior, interior dunha aldea
dunha provincia sen mar), pero si aseguro que hoxe comeu coma elas; e a pesar
de que o prato de caldo fumegaba de carallo. Claro que cando rematou, Lázaro
Elezar suaba coma un carneiro. Ós 50 minutos empezaba a cortar os piornos de
Outeiro Miau.
No hay comentarios:
Publicar un comentario