miércoles, 12 de noviembre de 2014

CHEGOU SEN FACER RUÍDO



               Xeralmente opinamos que o tempo pasa voando, máis veces que se comentamos que isto ou aquilo avanza con lentitude. É certo que o tempo pasa voando menos para un servidor cando se fala do Festival de Cine de Ourense. Deus, semella que non chega nunca tal evento! E, non obstante, chegou. E como chega! Seica con máis calidade e, o que é mellor, sen polémica. Case se pode dicir que chegou silencioso, que chegou sen facer ruído. O que demostra que tal ruído non procede do propio cine, senón dos politiqueos que se desenvolven coma se fosen guerras de guerrilla. Este ano parece ser que as navallas quedaron nas casas, ou aínda que anden nos petos da roupa, están pechadas. Oxalá os fíos das mesmas non asomen durante estes nove días e que todo transcorra a base de fotogramas, charlas, actividades, foros, reunións, presentacións, estudos...

               Sobre a calidade é certo que se saberá tan só ó final. Pero hai que confiar un chisco neses olladores, neses programadores que presumen de que si vai haber calidade este ano. Dáme que vai ser verdade. Quizais porque amo tanto o cine que me chega cunha simple boa escena para quedar contento. É que hai escenas, ou frases, ou olladas cinematográficas, ou encadres, ou actuacións, ou argumentos que valen por todo un mundo.

               Temos 218 longametraxes de 70 países (51 pertencentes a España), nos que haberá que descubrir algo dese momento que vale un mundo. Seguro que algún instante aparece entre tanto filme! E, xa digo, con pouquiños momentos síntome feliz.

               E de prórroga, principalmente para aqueles que anden á caza de “famoseo”, aínda nos queda o poder contemplar e escoitar a Carlos Bardem e a Emilio Martínez-Lázaro. A maiores, ou ben por medio de xuntanzas ou ben por medio de estudos, sempre nos quedará o bico doce de saber algo máis da importancia da sétima arte. Ale, a vivir durante nove días nesta fábrica de soños cinematográfica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario