Funga
o vento por entre os canastros da Aira de Arriba de Baños de Molgas e as
películas proxectadas na última edición do Festival de Cine de Ourense xa
quedan para o recordo. De noite trotan os gatos pardos polas rúas molguesas e a
duquesa de Alba descansa eternamente. Amén. Amén por gozar das súas posesións
acadadas á conta dos pombos. É normal, entón, que sexa a novena riqueza do
país, do país dos apandados. Oulean os cans por entre os palleiros da Aira do
Pombal. Oulean por eses animais que se atopan nos Parques Nacionais, xa que o
Goberno permitirá a súa caza ata polo menos o ano 2020. Si, máis ou menos o que
se comenta: que volvemos ós tempos da “escopeta nacional”. Xa hai moito tempo
que andamos coma os caranguexos. É igual. Xa o temos asumido. Xogan ás
agachadas os nenos de Baños de Molgas por entre o embarcadoiro da estación do
ferrocarril porque eles non entenden de ideoloxías políticas. Non así a
alcaldesa da Bola, que, como entendida, deixou o BNG porque este grupo seica se
está a radicalizar, é dicir, está a un paso de ser terrorista. De aí tamén que
o novo delegado do Goberno en Galicia queira loitar contra ese termo violento.
Teralle medo ás bombas de palenque. Mais como cans de caza ulimos polas
carreiras da Pillamadoira e sabemos que detrás da decisión da alcaldesa da Bola
hai sombras demasiado longas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario