Quita o piollo da cabeza e pensa
no vaivén da folla do amieiro. Está aburrido. Sentado xunto á presa da Porfía,
alá polo monte de Pinouzos, non cre que o día vaia máis alá dalgún sentimento
máis. De súpeto, ergue e colle cara Baños de Molgas. Xa está canso de
contemplar os biosbardos. Ó mellor na casa fai algo. Non sabe qué, pero algo
caerá. Leva trinta anos sen saber qué facer. Ten corenta. A súa vida consiste
en ir e vir polas corredoiras da nugalla. Nacera nunha familia da estrada
principal, “da carretera”, e iso xa eran palabras maiores. Familias acomodadas.
Déranlle todo feito e el aproveitou sempre as ocasións: esperar a velas vir. Só
pensaba nos biosbardos e transitaba día tras día polas corredoiras da nugalla.
Sentía que non era feliz, pero tampouco intentaba buscar outros camiños que o
levasen aínda que só fose a unha actividade espiritual. Pensaba na canseira que
iso tiña que supoñer. Chegou á súa casa da rúa principal e, definitivamente,
decidiu facer algo. Tombouse no sofá. Custoulle deixarse caer pero alí
sigue pensando nos biosbardos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario