Non
teñas medo, rapaz, que España é rica. Iso di Podemos. Estou de acordo. Debemos
ser o país máis rico de Europa e ata creo que do mundo mundial, porque todos os
políticos chupan dos nosos tetos e seguimos, e seguimos, e seguimos a dar
leite. Temos uns ubres tan grandes que non necesitamos hormonas. Tamén creo,
rapaz, a José Manuel Baltar cando solta que “estamos a evolucionar a unha
velocidade superior á prevista”. Seica hai uns agoireiros que din que a comarca
de Ourense perde forza, poder en industria, tecnoloxía e servizos, algo hoxe en
día máis que esencial. Pero, xa che digo, rapaz, son uns agoireiros. Imos polo
bo camiño en todo. Dannos feixes de trevo e así nos medran os ubres para que
uns cantos (ó mellor son uns moitos) nos espreman os tetos e, nós, obedientes,
soltemos lastre. A ver, rapaz, para que estamos! Non entendo porque queren
tomar medidas, entón, contra a corrupción, nin que intenten chegar a pactos. A
non ser que nos pidan que engordemos aínda máis os ubres. Son algo inocentes,
rapaz, xa que se o fixeran (pedirnos que engordemos) xa nos verías a nós correr
para os lameiros para pacer máis trevo. Non teñas medo, rapaz, nin os nosos
ubres van rebentar nin moito menos as conciencias deles. Nin collendo mamitis
van deixar de munguirnos. Para que vexas, rapaz! Ánimo e a soltar leite, a
soltar lastre. Estou contigo, rapaz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario