Se a algún político alguén lle salta na aña ou lle unta a badana, ármase
as de Deus é Cristo. Ese alguén vai dereitiño ó cárcere. Se hai un caso de
violencia de xénero, ou de maltrato, ou de racismo, a Xustiza actúa de oficio e
sen esperar rabos de gaitas. Paréceme estupendo. Pero todos os luns e martes
(que é cando adoitan asomar as novas deportivas da fin de semana ós xornais)
aparecen casos de maltrato, malleiras, violencia e racismo tamén sobre os
árbitros. Non hai unha fin de semana libre de pecado! Si, volvo ós árbitros.
Porque o que está acontecendo con este colectivo pasa xa de castaño escuro. E
ningunha institución reacciona: nin o comité de árbitros, nin as federacións,
nin a sociedade colectivamente e, moitos menos, o Goberno. Este era o que tiña
que actuar vendo a ineptitude dos demais. Actúan ante os que nomeei ó principio
(xeralmente adultos) e non o fan cos árbitros cando incluso a nenos-árbitros os
mallan. Hai uns días fixérono en Ceuta. O outro día o presidente do Baíñas, para
máis aquel concelleiro do PP en Vimianzo, e logo de estar suspendido xa por tentativa
de agresión a un árbitro, vai o paspán, o mameluco (non merece outro nome) e
declara que “o día que o pille (ó árbitro, claro) vaise acordar”. E a Xustiza
segue cos brazos cruzados. Cada vez admiro máis o valor, a valentía dos
árbitros. Hai que ter bemoles para aguantar a tanta camándula de ineptos, de
violentos e de pais que non saben dar exemplo. Debería arbitrar o ministro de
Interior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario