Xa se cheira, xa se nota, xa se
palpa o ambiente das eleccións municipais. Agora, cada día, asoma na prensa
algunha nova na que se anuncia o inicio de tal ou cal obra. O outro día, por
enésima vez, por suposto, o anuncio das obras para o novo centro de saúde da
Valenzá. Será verdade? Será mentira? Ai, ai, ai... vai ti saber!. Isto
recórdame á “tan prometida” casa da cultura de Baños de Molgas. Cada catro
anos, en todas as eleccións municipais, desde que a democracia entrou no noso
país a casa da cultura de Baños de Molgas asomaba en todos os programas de
todos os partidos que se presentaban. Vai para corenta anos que seguimos sen
casa da cultura, o que máis ou menos son unhas dez eleccións. Agora mesmo
podíalle botar a culpa ó PP, ó PSdeG e ó BNG, que son os que acadaban os votos
na miña vila, pero tan só podo acirrar no Partido Popular... porque ganou
sempre. Ganando sempre (e sabendo que ganaba) seguía erre que erre coa promesa electoral
que sabían que non se ía cumprir. Certo, os veciños xa tomaban a promesa a mofa.
Hoxe, por non haber, xa non hai nin biblioteca. Para que queremos entón unha
casa da cultura!
No hay comentarios:
Publicar un comentario