Cae a pinga de auga sobre o folio
en branco dunha novela, dun memorando que ninguén sabe escribir. É moi
complicado poñerlle título incluso ó primeiro capítulo. Berra o neno que se
acocha detrás dun castiñeiro centenario e non tarda nin un minuto en chegar á
súa beira un can de palleiro que axiña lle pon as patas no peito. Ri o neno coa
rapidez, coa dilixencia do can e ri o can dándolle ó rabo por poder xogar.
Todos temos momentos na infancia que nos marcan, que sentimos. Adoitamos
lembrar os bos, pero tamén hai que recoñecer que, de cando en vez, asoman
aqueles que nos fixeron chorar de medo. O medo é libre. A inocencia é
marabillosa. Canta a rula desde as gallas dun salgueiro e asubía o rapaz do
conto catro versos de amor que enchen todo un poema. Pero ninguén se atreve a
escribir o título do mesmo. É moi complicado escribir sobre as voltas que dá un
sedeño. Depende de como estea o carro de cheo. Queda o neno xogando co can de
palleiro mentres a noite lle empeza a facer a cama ó silencio. O silencio é o
mellor aliado dos pensamentos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario