Hai decisións, leis, normas,
ordes que se lanzan ás toas, ás cegas e que incluso, ás veces, os que as lanzan
nin as entenden. Son decisións que se toman en despachos por persoas que non
saben realmente de que vai o asunto. Como o de que un paisano teña que perder
unha mañá porque ten que pedir unha autorización para cortar dous ou tres
carballos. Entendo que esa norma, lei o orde saíu á palestra por medo a que a
nosa terra se converta nun novo Brasil por aquilo da tala descontrolada de
árbores. Pensan que o paisano chega á súa poula, ó seu souto e, ale, imos
deixala como a patena... e para o ano que vén, para quentarnos, cortamos toxos.
Non saben que non hai mellor barómetro para unha poula que o propio paisano.
Non saben que o paisano mira, remira, limpa, procura, coida e incluso rega ás
veces aquela arboriña que, nun futuro, lle pode dar abrigo e leña e trabes e
pontóns e eixes dos carros. Non saben que o paisano é o mellor gardián, o
mellor vixilante da súa propiedade. Pois non, a alguén se lle ocorreu que como
os gandeiros e agricultores, de un tempo para acá, non ten gran cousa que
facer, pois que mellor que facer turismo a unha oficina da Xunta para solicitar
a corta de dous ou tres carballos. E como na nosa terra os que traballan nas
leiras son xente nova, pois non teñen ningún problema para o seu desprazamento
ás oficinas dos distritos forestais. Non sería máis sinxelo que esas solicitudes
fosen tan só para as empresas madeireiras, que son as que realmente cortan a
dar e tomar? Como se lles ocorre facerlle perder unha mañá ó pobre paisano por
un ou dos tractores de leña!
No hay comentarios:
Publicar un comentario