miércoles, 4 de marzo de 2015

MALVIVIR SEN DATA DE CADUCIDADE


               Canta tristeza ó ler o outro día La Región. En primeira plana. En portada. Unha señora confesaba que mercaba o que estaba a piques de caducar porque seica estes produtos teñen desconto. Que forte! E iso que din que España volve ir ben. Recórdame ós anos sesenta, de cando un servidor mollaba o pan duro en auga para poder meterlle o dente, ou de cando todo consistía en comer pan e touciño, pan e touciño, pan e touciño (e, coidadiño, o touciño era tan só o lardo, non a febra) Almorzo, xantar e cea. Se por un casual había merenda, esta era de... pan e touciño! Pero eran os anos sesenta, nunha casa labrega. Mais, tal como vivimos hoxe, como se pode subsistir con tan só 400 euros ó mes. É moi triste e causa moita rabia saber desta situación cando tamén sabemos o que acontece cos bancos e o que está acontecendo cos corruptos, coa evasión de impostos, coas mentiras... A algúns constrúenlle auténticos palacios mentres a outros desafiúzannos porque deixaron de pagar unha letra de miseria pero que, para estes, é todo un capital. O peor é que este malvivir non ten data de caducidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario