jueves, 19 de marzo de 2015

MODIFICARON AS NORMAS


               Non hai moito tempo era fácil aparcar o coche xunto ós pavillóns ou incluso nas propias rúas e aínda que estivesen as prazas de aparcadoiro a tope. Todo consistía en esperar un chisco e tan axiña como vías a alguén coa chave do vehículo, ale, a tomar posicións para ocupar esa praza que ía quedar libre. Pero hoxe en día calquera toma posicións! Cando pensas que a persoa que entra no coche vai saír ó instante, quedas con cara de parvo ó comprobar que os móbiles modificaron, alteraron as normas coma se nada. Porque agora, ó entrar no coche, miras e remiras o móbil, les as mensaxes e contestas as mensaxes, escribes guasaps, esperas as contestacións dos guasaps. Así ata que o que espera perde a paciencia e segue a dar voltas buscando unha praza libre. Hai que recoñecer que os móbiles cambiaron á sociedade. Non sei se para ben ou para mal. Pero agora para tomar calquera iniciativa, para actuar, incluso para vivir, carallo!, hai que contar co móbil. Empezamos a non ser nada sen el. Co bonito que era antes berrarlle ó veciño, ó amigo desde o Outeiro Barbeiro para que el che contestase con outro berro desde o Río Vello!

No hay comentarios:

Publicar un comentario