viernes, 13 de marzo de 2015

O TEMPO XA FOI


               Unha cunca de café baleira. Un móbil negro sobre unha mesa negra. Un tempo no que o silencio deixou de ser silencio; xa hai un cacho que todo se volveu ruído. Un slogan con catro palabras que comunican que “o tempo xa foi”. Catro palabras. Que falan do tempo. Do que xa foi. E do que será, que dicimos? Non podemos dicir nada porque aínda non chegou. É difícil falar do futuro, do que non se coñece. Só podemos falar do pasado, do tempo que xa foi. Alguén pide un café. Intuímos que no futuro llelo traerán. Do meu café tan só podo falar en pasado, porque xa hai máis de media hora que deixei baleira a cunquiña. A cunca que está sobre a mesa negra. Tamén os anteollos acougan sobre a mesma mesa negra. Para escribir hai que quitalos. Para ler xa case que tamén. Son para o lonxe (para o que hai que ver...) O futuro non conseguimos velo. O pasado xa foi. Pero tamén é certo que non sei se o vin ou se non. Ás veces o que temos diante dos ollos non o vemos. Por que será! O tempo xa foi. E agora estamos nese momento no que lembramos o que pasou, o que xa foi.

No hay comentarios:

Publicar un comentario