martes, 10 de marzo de 2015

UNHA FOTO QUE OFENDE


               Hai fotos que doen ó contemplalas. En plena crise, e canto chupatinta! Inauguración do novo edificio xudicial de Ourense. Un edificio que, se entende, é necesario e que se fixo para traballar nel, e punto. Pero antes había que ostentar a gran obra. Coma se fosen eles os que a pagasen. E a foto, sacada desde unha certa altura, amosaba unha sala chea de “obreiros” ós que os pombos lles pagamos o soldo por, precisamente, poñer o careto. E con iso xa cumpriron, xa foron os benditos culpables de que, hoxe, Ourense teña un edificio de seu. Toda esa camándula cobra polo esforzo de achegarse ata alí. En pleno crise seguimos sendo o país máis rico do mundo. Pagamos o edificio e pagamos a inauguración. Inaugurar só inaugura un, pero pagar pagámoslle a un cento (ó que leva a tesoira, ó que suxeita a cinta, ó que descobre a placa, ó que sinala co dedo o que di a placa...) Si, imaxino que os ourensáns estaremos contentos por un edificio que, efectivamente, era necesario. Pero a foto... a foto ofende de carallo. Por que non se inaugurou de noite?, ou en silencio?, ou sen prensa? Ah non, iso si que non; a xente ten que ver que nós tamén puxemos o graniño de area. Certo; o careto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario