Manda truco! Eu que pensaba que
para ulir nos chegaba con usar tan só o nariz. Pero resulta que o olfacto vai
moito máis alá. Agora cun simple apertón de mans (un choca aí, paisano!)
cheiramos á persoa que temos enfronte. Iso di un equipo de científicos de
Israel. Seguro que non saben a que lles cheiran os palestinos! Non creo que
lles choquen as man. Mais deixando a retranca, a verdade é que o descubrimento
ten o seu aquel Enganados viviamos cos cheiros. Choca esa, amigo! Ui que demo!,
cheira a porco; non se lavará ou virá dunha granxa de marráns? Choca esa,
compadre! Este vén de segar un lameiro; que cheira a herba seca. Choca esa,
machiño! Este caeu dunha nube negra, que cheira a terra mollada. Vou chocarlle
a man a Pancracio Silabario, a ver a que cheira. E se lla choco a Ludivina
Salerosa? Cheirará a rosas ou a augardente? Mira, alá vai Heraclio Chimpafigos.
Eh, Heraclio, choca esas cinco, home! Carallo, que comiches? Cheiras a caldo
acedo. Oe, e cuns bicos ás persoas, como serán os olores? Serán máis fortes,
non si?
No hay comentarios:
Publicar un comentario