Un manchado con moito cariño. Así
lle dixo a nena que lle levou a café á mesa da terraza. Esta era unha nena de
pouco máis de doce anos. O cliente era Nicanor Colores Rosado, O Saltón, que andaba
máis cerca dos oitenta que dos setenta. O Saltón quedou pampo ante a
desenvoltura da cativa. Sorriu e fixouse nela. Era guapa, co pelo curto e uns
ollos tan claros que semellaban o ceo no mes de xullo. Un manchado con moito
cariño. Así lle espetou a nena. E Nicanor, O Saltón, bebeuno con cariño. A
ver!, non todos os días o tratan desa maneira. Canso da soidade e da
incomprensión dos seus, de verdade que agradece ver diante de si a unha nena
tan espelida, tan alegre e con esa linguaxe. O Saltón esperou a que volvese a
rapaza para pagarlle. Deulle un bo agasallo, unha boa propina. A nena, como
inocente que era, case chouta de alegría. E o home sorriu de tal maneira que
calquera que o vise nese momento non imaxinaba que estaba a piques de
introducirse de novo na soidade dos incomprendidos. Para esa existencia
marchou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario