Coa angustia dun suspiro baixo as
pestanas dos ollos e penso nunha folla de calendario que marca os días nos que
a cor vermella marca o paso dun descanso. Pero non hai descanso na vida dun
inocente que loita contra a indiferenza dun poder corrupto e desalmado. Cada
vez que a man esquerda refrega os ollos, un latexo divino golpea na conciencia
daqueles que pensan que todo se atopa á volta da esquina. Pero non hai volta de
folla no ritmo constante dunha xenreira. Non todos temos a alma en sosego; a
algúns nádalle no bulleiro da inmisericordia. Querer vencer a un desexo que vai
moito máis alá da rúa dos soños é como asubiar un rock and roll no alto dun
campanario. Este tan só anuncia o requiescat in pace dun morto que non volverá.
Coa angustia dun suspiro un verso ben escrito pode ser o camiño de salvación
daquel que semella que leva o espírito maligno dentro. Hai moitos que levan o
espírito maligno dentro. De aí que o poema intente versificar a historia dunha
bondade reflectida no compás dunha mirada, dunha ollada chea de tenrura e de
consolo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario