Houbo cambios políticos. Moitos
cambios. Incluso naqueles sitios que nin o máis optimista imaxinaba.
Sinceramente, eu, con todo o nacionalismo que levo dentro, nunca imaxinei tal
cambio en Baños de Molgas. E mira que o desexaba lexislatura tras lexislatura.
Agora aconteceu. E aínda que levo xa moitos anos fóra do lugar no que nacín, no
lugar que me criei e das airas e montes nos que gocei, ata chego a sentir ese
cambio como algo meu. Non sei, pero notaba a Baños de Molgas tan parado, tan
inepto que me doía de corazón ver como todo un potencial turístico era auga de
bacallau. Tampouco sei se imos despegar coma foguetes (espero, confío e desexo
que polo menos intentemos despegar), mais sei seguro que non se pode ir a peor
porque o pozo no que estamos xa non ten máis fondura. Non me importa confesar,
incluso me sinto orgulloso de facelo, que me levei unha alegría inmensa ó ver
os resultados. Non é bonito contemplar toda unha vida o suicidio lento dunha
vila que nin tan sequera merecía unha rabuñadura. Mais o buraco da ferida é
demasiado grande. Hai que empezar a meterlle puntos de sutura. Pero xa!
No hay comentarios:
Publicar un comentario