sábado, 23 de mayo de 2015

POLO CAMIÑO QUE CHE MARCAN


Non quero falar de política porque entre a escritura e a lectura deste relato celebráronse as eleccións. Non quero falar de fútbol porque entre o venres e este luns resolveuse toda unha liga, se exceptuamos o título do Barça e a baixada de categoría do Córdoba. Sería unha hipótese falar de resultados políticos e futbolísticos. Tería que analizar tan só supostos. O que si sei seguro a 24 horas do remate do fútbol e a 48 da solución electoral é que uns estarán máis contentos ca outros. Perdón, na política estarán todos contentos, incluso os perdedores, pois sempre lle buscarán un pé á banqueta que coxea; ou ben porque sacaron máis votos dos que pensaban, ou ben porque derrotaron a tal ou cal partido. No fútbol, emporiso, non haberá consolo para o que baixe.

Non quero falar de política. Tampouco de fútbol. Pero, arre demo, levo máis de medio relato latricando sen parar. É igual, as dúas noticias, tanto o venres (escritura do relato) coma o luns (lectura do relato) mandaban e comandan a nosa vida. Aínda que non queiramos, temos que apandar co momento, coa situación, coa realidade. O mellor exemplo acabo de telo eu mesmo. Non quería falar, pero… Pero sempre hai algo ou alguén que se che incrusta na asadura e que incluso te obriga a ir polo camiño que che marcan. Non temos forza de vontade. Deixámonos ir coma pombiños. Deixeime ir. Agora xa está.

No hay comentarios:

Publicar un comentario