Pedra sobre o penedo baleiro dun
soño. Folla de amieiro que aterra nunha tira de papel con catro garabatos mal
escritos. Silencio no bulebule dun pensamento. Hora de reloxo que marca o infinito
e máis alá. Oxalá todos os heroes se sentiran anxos no purgatorio da ansiedade.
Quen quere escribir un conto sobre o que foi e non volverá? Quen lle asubía a
catro pardais que están pousados sobre o arame dun título de crédito? Hai
películas que pasan polas meniñas dos ollos e non nos decatamos. Toxo sobre a
cama mol dunha alegoría que ninguén sabe contar. Sacho que cae sobre a terra
dura dunha vida apagada, dunha vida que quere rexurdir por entre os reflexos
dun espello roto. Cada quen que moldee a súa figura para que as liñas do seu
debuxo marquen o instante, o momento da resurrección dun trono... e dun
lóstrego. Verso sobre o encerado dunha mañá sentimental, na que o lapis de
lousa percorre os camiños na procura dunha paz silandeira e dun proceso evolutivo
que vai e vén, que anda e para, que acouga e traballa. O penedo baleiro dun
soño dorme sobre un libro aberto que ninguén quere ler.
No hay comentarios:
Publicar un comentario