lunes, 11 de mayo de 2015

O DÍA DA NUGALLA



 
               O pasado día 1, quen máis quen menos, celebrou o día do traballo. Alguén, na sección dunhas cartas ó director, preguntábase cando se celebraba o día do paro, do parado. Por desgraza, para moitos, para demasiados ese tal día é todos os días. E agora eu, medio en broma medio en serio, pregunto: e o día da nugalla, que? Porque segundo hai traballadores e parados tamén hai nugalláns de carallo. A moitos ata lles custa dicir que é un nugallán. Tamén é certo que algúns non é necesario que o digan; véselles, nótaselles a leguas. E que demo!, son os que mellor viven. Pero por poñer tamén podiamos celebrar o día do que “fai que traballa”. E hai moitos, moitísimos. Estes si que son os peores, porque nin fan nin deixan, nin arre nin xo. Polo menos o nugallán di que lle amarga facer algo e non o fai. Pero o que di que fai que traballa, bota peito nas conversas, cómese o mundo e, logo... pagan xustos por pecadores. Van de listos pola vida e viven á conta dos pombos. Por iso sempre admirei un chisco ó nugallán; ese non mente, non fai nada e punto. Nin di nin promete, nin vai nin estorba. Está aí quieto parado e, ale, cóntame un conto. Hai que instalar o día do nugallán!

No hay comentarios:

Publicar un comentario