viernes, 29 de mayo de 2015

AXIÑA REXURDE O MAMÓN!



 
               Dóeme o pé esquerdo. Por culpa do calo. Férveme. Teño ganas de sacar os zapatos, pero aínda me queda case unha hora para facelo. En total botarei unhas 14 horas con eles postos. Maldito calo! Maldita canseira! O caso é maldicir. Pois si, maldito pé! Xa sei que algún listo soltou aquilo de “córtao”. O pé, claro. Pero como vou cortar o pé! Eu sei que algúns teñen pensamentos malignos, pero tanto... Por Deus, non lle fixen mal a ninguén! Penso eu. Vai ti saber. Próeme a planta do pé esquerdo. Xa dixen que me fervía. A muller sempre me di que por que non vou a un calista. Para que?, se dentro dun mes ou dous xa volve estar o desgraciado proendo e proendo. Eu vou ó tradicional, ó plan besta. Collo unha almofía, abrando un chisco o pé en auga quente e coa punta da lima do cortaúñas, zas!, furga que te furga. E a base de berros e furgados, de fochicas e berros, o moi cabrito, acaba saíndo. Quedo coma os anxos: aliviado. Pero por poucos días. Axiña rexurde o mamón! Procuro sacalo eses días nos que teño que andar moito pola viña: sulfatando, dando a herbicida, etc. Polo menos ese día non sufro tanto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario