Entendo a aquelas persoas que non lles guste o fútbol. Pero
non asimilo nada ben a típica crítica de “22 tíos correndo detrás dun balón”. A
estes críticos se lle preguntas se é necesario facer deporte, exclámanche cun “homeeee,
é bo e necesario”. O fútbol é un deporte. O mesmo que o footing, que máis ou menos consiste en correr para adiante, é
dicir, cara á nada. Uns corren detrás
dun balón e outros coma un galo sen cabeza. Os “cultos” e “intelectuais” critícano
polo de “deporte de masas” e dando a entender que a masa é amorfa. Pero eu o
outro día, un día calquera, vendo no café O Chicote da Valenzá un partido,
tamén un partido calquera, chegáronme os primeiros quince minutos para saber
cómo é realmente unha persoa. Auténtica escola de sentimentos. Non esaxero se
digo que o fútbol vai máis alá dun simple xogo de pelota. Con respecto ó propio
deporte, ós xogadores, é toda unha escola de valores e tamén de falsidades, de
heroicidades e tamén de maldades, de acertos e tamén de erros. Con respecto ó
público, ós afeccionados, é máis ca unha escola e ca un deporte, é unha paixón
que desata instintos e amizades, pelexas e abrazos. E a min, como masa, non me
evita gozar dun museo, “flipar” cunha obra de teatro, ler libros e máis libros,
e ter a música metida no cerebro por medio duns auriculares durante moitas
horas. Gústanme todas as artes pero non me considero nin culto nin intelectual.
Ó mellor é por iso polo que me gusta tanto o fútbol.
No hay comentarios:
Publicar un comentario