Cara á galería, é dicir, para a prensa o gran asunto semanal
foi Grecia e a loita deste país coa Comunidade Europea. Pero, así polo baixiño,
coma quen non quere a cousa, o que realmente lle está importando á xente é o
asunto climatolóxico. Quéirase que non, este tempo sufocante xa pasa da raia.
Entres onde entres e fales con quen fales, o tema de conversación é a maldita
calor. E por esta vez si é a escusa perfecta para iniciar un saúdo nun ascensor
(creo que nos ascensores é onde botamos sempre man do tempo que fai). A calor
reinante desde hai practicamente dous meses, por esta vez, si é unha auténtica
pulga para o can fraco, ou mellor dito, carracho para o gando fraco. Porque
precisamente a agricultura e a gandaría é a que máis está padecendo esta seca;
coma se non lles chegase o asunto do leite ou o valor das uvas. Que chova algo,
por Deus!
Tamén xa tiña os coitelos afiados para encirrar na Dirección
Xeral de Tráfico, pero quedei coas ganas. Alégrome por elo. Non había dereito a
que a xente de Ferrol, Monforte, O Barco e Foz tiveran que ir facer o exame
teórico do coche ás súas respectivas capitais, como se as distancias fosen de
catro pasos. A ver se pouco a pouco nos decatamos de que ó paisano hai que
darlle facilidades para certos asuntos e non poñerlle pegas. Bastantes atrancos
nos atopamos xa a diario nesta sociedade algo esperpéntica coma para que che
poñan no camiño penedos que custa un carallo salvar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario