lunes, 6 de julio de 2015

OS HEROES FANTASMAS



              Quedo só co silencio bailando diante dos ollos e coas follas dos plataneiros abaneando porque os refachos de aire aparecen de cando en vez. Quedo chantado nunha cadeira de esparto, negra, e persigo os latexos dunha rula, ruliña que busca por debaixo da mesa algo con que pasar o tempo. Tamén eu paso o tempo imaxinando a heroes fantasmas que queren salvar o mundo e tan só conseguen choutar de viñeta en viñeta grazas ás miñas ansias de que fagan o ben neste val de lágrimas. Pero é tan difícil ser heroe de historieta que non queda outra que cubrirse cunha saba e soñar coas bondades dos espíritos malignos (Pero, teñen bondade?) Heroes fantasmas que asoman na imaxinación dun solitario ó que, por moito que soñe, a realidade amósase triste e gris. Quedo só co silencio e deixo que a realidade desta vida laborable debuxe catro viñetas de covardía. Agora, nin os heroes fantasmas son quen de escribir un diálogo de cómic.

No hay comentarios:

Publicar un comentario