miércoles, 8 de julio de 2015

OS RÉQUIEM DO PIANISTA



              Quero pegarlle tres tiros ó pianista pero non teño pistola. Non me queda outra que escoitalo. Toca o réquiem pola Santa Compaña, a que vai e non volverá. A xente asubíalle de descontento, pero o pianista nin caso. Sorrí e segue o seu propio ritmo cos pés e coa cabeza. Agora empeza co réquiem polos que non entenden un carallo. Sinceramente, eu son o primeiro que non entendo. Por iso lle quero pegar tres tiros. Ero non teño pistola. E sei que con tres serían suficientes. Porque axiña golpea as teclas do piano co seu terceiro réquiem. O réquiem polos que ata aquí chegamos. Efectivamente, ata aquí cheguei. Non teño pistola, pero saco a navalla de tres estralos e chóutolle á xugular. Menos mal que alguén me detivo polo camiño. Pero aínda así tiven tempo de lle berrar: toca agora o réquiem polos que van morrer. O homiño asustouse. Non todos os días te ameazan de morte. Optou por deixar o piano e fuxir dándolle sebo ós pés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario