Para que uns gocen da vida, outros teñen que derramar bágoas.
Para que uns vivan ben, outros teñen que arrastrarse. Todo ten un prezo. Algunhas
cousas téñeno demasiado alto. Para que uns vivan con alegría unha festa, outros
traballan ata a extenuación ou ata dar a propia vida. Foi o que aconteceu o
outro día en Berán, no concello de Leiro. Unha pirotecnia rachou a felicidade de
dúas familias que se dedicaban a intentarlle alegrar as festas, a vida ós
demais. Por unha risa, un choro. Por unhas festas, moita dor. Si, é lei de
vida, pero nunca conseguiremos afacernos. Sempre se lembrará o lado negativo.
Normal. Sempre impresiona máis o malo que o bo. Pero non por iso debemos
esquecer que deron as súas vidas pola felicidade duns cantos. Creo que a maioría
somos felices cando escoitamos os estrondos das bombas de palenque. Eu,
persoalmente, sempre gocei coas tracas. E para que eu goce, unhas persoas
xóganse a vida de continuo. Penso nesas familias e fago miña a súa dor.
Para que uns vivan ben, outros teñen que arrastrarse. E se
non que llo pregunten ó pobo heleno. Estou peixe en economía, pero sei
diferenciar entre ricos e pobres. E na Comunidade Europea hai países ricos (que
son tales pola arte do birlibirloque) e tamén os hai pobres (precisamente por
aquela arte do birlibirloque). E nestas diferenzas sabemos ben que o compromiso
co máis débil sempre foi, é e será nulo. É dicir, os ricos máis ricos e os
pobres máis pobres. Tamén é lei de vida, pero…
No hay comentarios:
Publicar un comentario