Estoupa o globo que viaxa polo
espazo sideral daquel país que quixo ser independente. Non o deixaron. Pero os
habitantes fretaron autobuses para que os levasen ó estado da conciencia. Non
houbo maneira! Manifestáronse polas rúas da realidade e cantaron o himno da
liberdade sen sacrificio ningún. Os corvos do imperio disolveron as
manifestacións con grallas de incompetencia e con varas ditatoriais. Non hai
loitas sen mártires nin liberdades sen heroes. Uns cantos romperon as cadeas e
espallaron polo mundo adiante a mensaxe de que ninguén se pode mover no país
dos parvos de espírito. Moi poucos leron as mensaxes porque o país que non
quere ser escravo sigue vivindo baixo unha ditadura inmortal. Ou non quixeron
entender o que leron coa esperanza de converterse algún día en corvos para grallar
ás súas anchas, coma un rei na súa cesta e co bandullo cheo. Cheo de miseria
intelectual e de baballas que salpican ós pobres habitantes dun país preso que,
como non, seguirá loitando pola súa liberdade, pola súa independencia. Algún
día chegará.
No hay comentarios:
Publicar un comentario