domingo, 17 de marzo de 2019

A CULPA É DO MEDIO AMBIENTE

O outro día os rapaces botáronse á rúa para defender o medio ambiente. Por fin alguén semella que se toma o asunto en serio. E os labregos andan co medio ambiente a voltas durante todos os días do ano. Nesta época moito máis. Labran terras e botan sementes. Certo que os estercos e algunhas substancias fitosanitarias... pero tamén é verdade que sen estas non hai produtos, polo menos como nós os queremos. Non sei se o medio ambiente inflúe nas moas da xente. Teño unha que me trae a mal traer, que me trae adoecido, rabioso e sen ganas de lerias. Ó mellor é por culpa do aire que respiramos... ou polo tabaco que fumei de mozo.
Afectaralle ó medio ambiente a destilería duns cubatas que “destilaron”, á conta dos pombos, 37 traballadores baixa a batuta do Igape, o Instituto Galego de Promoción Económica. O de económica está ben: pagáronse con diñeiro público. Seguro que haberá delitos sobre o medio ambiente entre os 14.300 casos sen resolver que os xulgados de Ourense acumularon no 2018. Como para meterse en zarangalladas, en refregas, en leas. O medio ambiente, por unhas e outras cousas, está ferido de morte. E coma calquera animal ferido intenta defenderse antes de que o seu apagado e lento latexo remate co derradeiro suspiro.

Finca Fierro. Domingo, 17 de marzo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario