A
semana pasada foi unha máis na que os blablablás
políticos imperaron sobre a realidade social, sobre o vivir diario
de cada español. Promesas electorais sobre programas
que, co paso do tempo, non se cumprirán.
En todas as convocatorias se manipulan datos e se fan estudos
sobre educación, sobre sanidade, sobre emprego, e cando, instalados
xa nas poltronas do Congreso e do Senado, tales asuntos repercuten
negativamente, e de que forma, sobre o paisano de a pé.
Principalmente,
esas tres materias xa vemos como están, como marchan.
E ante esta realidade, eles, dálle que
dálle cós mitins,
có procés
e, agora, cos lazos amarelos. Isto dos lazos amarelos recoñezo que o
levo mal... con todo o que hai que arranxar neste país.
Tamén houbo
blablablás futbolísticos. Como non! Media semana de suspense, de
tensión, case parándose o mundo... ata que chegou Zinédine
Zidane. Agora si, agora a Terra xa volve xirar sobre o seu eixe. A
pena foi que os eixes do Atlético de Madrid e do Sevilla si deixaron
de xirar en Europa. Quen si ten bo eixe e
que canta como cantaba un bo carro cargado de produtos agrícolas é
Piqué. Si, xa sei que á inmensa maioría moléstalle a súa faceta
política. Neste noso país sempre molestaron moito as verdades, e se
non que llo pregunten a Javier Clemente, que era outro que “caía
mal” porque sempre ía coa verdade por diante. Pois ben, tivo que
ser un periodista de, precisamente o diario deportivo Marca
(o que significa o diario do inimigo) o que o defendese dicindo que
Piqué ten as súas inquedanzas coma calquera fillo de veciño, que
as expresa e que as comparte. Os tempos de dicir iso de “ti
dedícate ó teu” creo que xa pasaron. Todos, absolutamente todos
temos dereito a opinar de todo e sobre todo. Lembro hai moitos anos
que, alguén, na sección de cartas ó director deste xornal,
esbardallou contra un servidor porque escribira un relatiño en
contra de algo do Real Madrid. “Ti
fala de cine e non do que non entendes”, creo que dixo. Seguro que
se non falara mal do Madrid non me diría iso. É igual, o caso é
que, incluso eu, podo falar do Madrid, do Trump, dos buracos negros
ou da leite avinagrada.
Pois Piqué igual. Que sempre deu a cara. Pode non gustar, pero non
por iso se pode criticar.
Finca
Fierro. Sábado, 16 de marzo de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario