Mentres
os políticos andan
xa a toda mecha para acadar votos para o 28 de abril, un servidor
andou a coller experiencia para marchar definitivamente para O
Canadá. E creo que a collín. Creo sinceramente que xa podo ir de
leñador para o país
americano. Xa me considero un profesional da machada.
Por
algo experimentei todo o inverno nas cepas da Costa
da Gándara.
E o sábado, exactamente, ás 12.58, dei por concluído o corte de
todas elas. De todas as cepas que abarcaban
preto dunha hectárea, que é moito terreo, que é moita cepa. Moita.
E á machada. Si, xa sei que algúns pensarán nas motoserras. Con
elas empecei. Pero o zume da propia cepa non deixaba que a cadea
circulase como tiña que circular. Probei coa machada. Cuns cantos
golpes, zas, cepa cortada. Pero, ó pouco, fixen máis probas para
dar os menos golpes posibles. Cunha peta (nas terras da miña muller)
ou sacho (para
min, sempre)
escarvei un chisquiño, xusto para poder cortar por debaixo do nó,
por debaixo de onde se enxertara a cepa. E a partir dese momento
axiña me dixen que valía para marchar para O
Canadá. En dous ou tres golpes, zas, cepa
cortada. Aquilo era coser e cantar. Para a mente, claro, que para os
cadrís
e os brazos, non sei, non sei.
Certo
que aínda queda moito traballo por facer: sacar as estacas e, o
peor, arrincar mil postes de
cemento
ou máis. Pero todo se andará. O caso é que... alá van 20 anos de
traballo escravo. Escravo si; porque unha viña grande é unha
escravitude para dúas ou tres persoas tan só. Que
practicamente non dá ningunha alegría. Nin tan sequera cando se
cobra a colleita. Porque de todos é sabido que os prezos das uvas
son como son. Perdón, son como ordenan. E os desgustos daqueles anos
nos que ninguén che quería as uvas, arrabuñan de tal maneira a
alma, que che queda un pouco de secuela para un bo tempo... noites
sen durmir, cabreos, angustias, andar na procura de bodegas
arrastrados coma monicreques,
denunciar incluso a algunha porque se tirou anos sen pagar... un
calvario!
Agora prefiro non pensar xa neses
momentos. Agora toca dar unha volta polo Canadá para demostrar a
miña profesionalidade coa machada.
Finca Fierro. Sábado, 23 de marzo de
2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario