martes, 19 de marzo de 2019

ESTERCANDO CON METÁFORAS

Teño medo de que a color duns lazos inflúa sobre os negros pensamentos dunhas almas en pena que van e veñen polos carreiros da súa razón. Teñen razón? Quen ten razón? Quen máis quen menos chouta dunha verdade a unha mentira ou dunha falsidade a unha autenticidade. É moi difícil facer os regos dereitos e manter os sucos limpos. Nesta nosa vida, para saber arar ben, cómpre unha boa xugada de vacas. Pero agora xa nin hai un par delas para arar as leiras da felicidade.
Teño medo de que alguén non entenda as ideas que intento sementar para, algún día, poder recoller o froito dunha benaventuranza que é moi difícil acadar. Non obstante, eu seguirei estercando con palabras, sorrisos, versos, estrofas, contos e metáforas, porque sei que hai seres intelixentes incluso máis alá das estrelas. Despois, xa, cada quen que semente e que recolla coa súa conciencia, co seu sentido ás costas. Se se pensa un pouco, non é tan difícil optar ou actuar por aquilo que, ás leguas, vemos que está ben. Claro que, xa sei que moitos escollemos, eliximos o que nos convén. Total, a vida son dous días. E os lazos podemos pintalos coa color que nos dea a gana; desde un azul clariño ata un gris escuro, ou un negro turbio. Cantas veces a negrura se deita sobre o colchón do noso espírito!

Finca Fierro. Martes, 19 de marzo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario