O
venres foi o Día Internacional da Muller. O Día da Muller
Traballadora. O Día da Muller. Houbo manifestacións por todos os
lugares habidos e por haber. Co principal lema da igualdade.
Cada vez que lía este lema en pancartas ou
nos xornais ou na televisión,
víñaseme á cabeza a miña nai. Principalmente polo da igualdade.
Eramos catro homes e os catro ansiosos de que nos puxera a mesa para
xantar e cear logo dunha escravizada xornada de traballo sementando
as patacas ou botando no millo ou segando na herba, na que tamén
participaba ela. Faltaría máis! E non deixaba a xornada a medias
para marchar para a casa a facer o xantar ou a cea. Si, home, o que
facía falta! A ver se van rebentar os catro homes! Chegabamos todos
xuntiños á casa; os catro homes sentaban na mesa e a muller, a nai
aínda tiña que acomodar os porcos ou as pitas. E ese xantar que?
Para cando esa cea? Ó rematar o xantar,
dereitiños á sesta. Ela a lavar os cacharros e recoller a cociña.
Ou seguir acomodando o gando. Ó rematar a cea, dereitiños para o
café (o pai para a cama). Ela a lavar os cacharros e recoller a
cociña. Ou seguir acomodando o gando. Por
iso é que, hoxe en día, ó pensar na miña nai xa me chega para
saber de que pasta está feita a muller en xeral e a labrega en
particular. Coa miña nai eramos catro homes. Coa miña muller somos
tres e a historia, o lema da igualdade... ufff, case, case segue
igual. Recoñezo que o case é moi pequeno.
Direino sempre: sen as mulleres somos
toupeiras que nin o tacto nin o olfacto nos
salvan para dar un paso dereito. E xa pode haber manifestacións a
moreas, e xa poden ter apoios de todas as características que, a
igualdade... a igualdade está chea de atrancos nun camiño demasiado
longo. Tantos atrancos e tan longo o camiño que lles custará un
mundo chegar á meta. Si, creo que chegarán algún día, pero
vailles custar un mundo. Porque os homes somos como somos, a
sociedade é como é. Oxalá erre e acaden esa igualdade en menos que
canta un galo.
Perdón, unha galiña.
Vedes o asunto, a diferencia?; todo está
baseado no xénero masculino. O patriarcado está no subconsciente de
cada un de nós. Así é que non queda
outra que exclamar: forza e recompensa á súa loita! Con
vós, ata o infinito e máis alá!
Finca
Fierro. Sábado, 9 de marzo de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario