miércoles, 20 de marzo de 2019

DÍAS GRISES

Somos moi partidarios de tirar a pedra e esconder a man. Ou de estirar o brazo e lanzar a pedra. Somos moi partidarios de soltalas ás agachadas. As sentenzas, digo. Despois axiña lavamos as conciencias. Hai uns cantos que optan por meterche un día gris na cabeza, nas entrañas, nas asaduras. Moitas veces, sen arte nin parte, lánzanche un asunto, unha opción, unha alternativa tan confiadamente que pensan que ti estás para iso, para seguir o ritmo do seu falso sorriso. Non lles importa se ti podes ou non podes. Simplemente mandan. Ás veces mandan imposibles. Que te angustian. Que te cabrean. Que che debuxan un día gris sobre a túa existencia, sobre o teu intelecto.
Custa darlle a volta á tortilla. Pero hai que darlla; aínda que non saibamos tirar a pedra e esconder a man. Ninguén ten dereito a asoballar na intelixencia de cada un. E non digo xa nada se o intentan facer con xactancia ou vaidade. Que o intentan, e moitas veces. Meten sen pestanexar días grises na bésta e lanzan a frecha para que se che espete, se fai falta, no centro mesmo do corazón. Son xente sen alma, inoperantes, ineptos, que entornan as súas ignorancias nos humildes e traballadores, nos bos e modestos. Regalan días grises á mantenta, á esgalla, a máis non poder.

Finca Fierro. Mércores, 20 de marzo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario