Ó
mellor erro na miña apreciación, pero
penso que o Entroido xa non é como era. Na maioría dos lugares.
Agora véxoo como máis artificial, como máis turístico.
Cando eu era rapaz, polos anos 60, vivíanse
doutra maneira. Certo que, naqueles tempos, non tiñan a repercusión
de agora, porque tampouco lla deixaban ter. É máis, moitas cousas
aínda estaban prohibidas. Agora o Entroido baséase practicamente
todo el en desfiles e máis desfiles e en tan só a súa última fin
de semana.
Nos anos 60, en
Baños de Molgas, o fareleiro e o
corredoiro eran as dúas ocasións nas que
mellor se pasaba. Lembro principalmente
aqueles momentos nos que saiamos da escola coma frechas para ir á
caza e captura das nenas e poñelas perdidas, ou ben a causa dos
farelos ou ben tisnadas
con aquel carbón que iamos buscar ás vías do tren. Algúns anos,
ante a queixa das rapazas, a mestra, dona Julia, falaba co seu home,
o mestre, don Graciliano, para que este demorase algo máis a nosa
saída, para así, “as súas nenas”, poder chegar sans
e salvas ás súas casas. Outros anos, o mestre, que no fondo era
algo revolucionario, dicíalle á súa muller que si, pero á hora da
verdade dábanos a orde de pechar os libros
e saír xusto no momento no que tamén
saían as rapazas. Aí empezaba a feira, a
auténtica feira.
Neses
anos 60 os disfraces eran practicamente os mesmos para todos e
durante todos eses anos, é dicir, a roupa máis vella que houbese
nas casas e unha carauta de cartón pintada a man cos tizóns do
lume. Non había traxes especiais porque non había cartos e incluso
ata creo que nin os habería para vender. Sobre o que entendiamos por
felos (boas carautas, bo traxe e as chocas), a nós chegábanos con
esa roupa vella e algunhas chocas das vacas. En Baños de Molgas, o
auténtico felo desa época era o Salvador de Nocelo, que baixaba os
domingos a darlle algunhas cuadas ós veciños e a meterlle medo ós
nenos. Lembro
esconderme detrás das pernas do meu pai. Agora,
repito, adoitamos asistir a eses desfiles nos que pasan ducias de
comparsas repartindo caramelos e esquecendo
que houbo un tempo no que o Entroido si tiña o seu aquel.
Finca
Fierro. Sábado, 2 de marzo de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario