domingo, 19 de abril de 2020

DE ATRACADORES A GUERRILLEIROS

Hai uns tres meses, un amigo moi especial deixoume o libro “A Edreira, el último bastión de la resistencia en Ourense”, que Xosé Domínguez González publicou no ano 2016. Acabo de lelo. E segundo o lía, lembraba aquelas historias que os máis vellos de Baños de Molgas nos contaban sobre os famosos “atracadores”. Falábase moitas veces deles e a xente asumía que eran atracadores, pero axiña se decata un de que tal atracadores eran os, agora, chamados guerrilleiros. Eses guerrilleiros que nos anos corenta e algo dos cincuenta tiñan en xaque ó réxime franquista. O libro é un anaco máis de boa historia para a nosa memoria ou unha fermosa memoria histórica. Versa sobre a II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia de cando esta fixo parada, fonda e Cuartel en A Edreira, un casarío acochado no Macizo Central entre as terras de Montederramo e Queixa. Tal casal foi arrasado e queimado polas forzas da orde e, un chisco máis tarde, o patriarca da familia Galán (Francisco Fernández), que estaba a cargo do mesmo, foi executado. Entre os 18 guerrilleiros asentados en A Edreira había un que é polo que escribo o relato, porque é veciño, de Almoite: José María Martínez Cerviño, O Jaime, fillo do veterinario Felipe Martínez e da mestra Elvira Cerviño. O Jaime era o encargado das provisións, dos medicamentos e da dinamita. Cando as forzas da orde fixeron, “daquela maneira”, o seu traballo, Martínez Cerviño conseguiu fuxir ata Salamanca. Ó querer casar e pedir os papeis, foi onde meteu a pata. Detivérono e executárono no cárcere de Ourense.

Finca Fierro. Domingo, 19 de abril de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario