jueves, 9 de abril de 2020

MARMAÑA OU CHOVE

Para min, marmaña. Para outros, chove. Sempre me gustou máis a palabra marmañeira que a palabra chuvia. Hoxe tivo que facer sol por aquilo do Xoves Santo, pero non o fixo. Lembrade; tres xoves hai no ano que resplandecen máis có sol: Xoves Santo, Corpus Christi e o día da Ascensión. Hai ditos ou sentenzas que, por veces, fallan. E se son relixiosas... Marmaña ou chove; é igual. Lembro de rapaz cando chovía, pero cando chovía con forza e andando no monte coas vacas. Aquilo si que era calvario. Non o de andar no monte coas vacas, que me gustaba, senón o de que chovese con forza. Porque o calzado daqueles tempos... Non sempre valían ou tiñamos chancas. Así é que non había outra que andar co que se puidese, ou sexa, zapatillas xeralmente furadas por todas as beiras e, o que era peor, por abaixo, pola planta.
Con elas furadas por abaixo, co chan encharcado de auga, xa podedes imaxinar o asunto, a situación. E sempre se dixo que o frío entra polos pés. E o tremelicar axiña asomaba por todo o corpo. Porque tamén te mollabas por arriba; ou ben porque non levaras paraugas ou cobertoira (chamabámoslle cobertoira a algo que te tapase máis ou menos ben, ou sexa, gabardinas, abrigos ou chaquetas grandes), ou ben porque aínda que levases paraugas, estes ás veces, os pobres, pingaban máis que tapaban; porque estaban rotos, porque estaban medio podres. Cunha marmañeira aínda te resgardabas debaixo dalgún piorno ou amieiro, pero cando chovía... ata a natureza, ás veces, nos era a gran inimiga. A nós, que a queremos tanto.

Finca Fierro. Xoves, 9 de abril de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario