O
encerro a causa do coronavirus hai que recoñecer que dá para moito.
O venres mesmo, pola noite, tardei en conciliar o sono porque se me
deu por pensar naqueles actos retorcidos que adoitamos cometer ou
naquela hipocrisía
da que somos moi amigos e que me daban
perfectamente para este Recuncho. Pero non
vou optar por iso porque, ó contalos, volvería a carraxe a aniñar
en min e poida que tamén en moitos dos que me lean, pero polo outro
bando, ou sexa, por sentirse reflectidos nesa hipocrisía
que especificaría aquí.
Así é que optei por realizar outras
cousas.
Segundo uns fan
limpeza ou levan
a cabo esas típicas chapuzas que hai que realizar nas casas, a min
déuseme por fochicar en recortes de prensa e atoparme, entón, con
novas que me chamaron a atención, pola antigüidade
e pola veciñanza, ou sexa, Baños de Molgas. E
o 11 de setembro de 1930, vai para 90 anos, asomaba nos medios de
comunicación galegos unha noticia sobre tres individuos pescando con
dinamita no río Arnoia. Foi a garda civil de Xunqueira de Ambía
quen os descubriu coa faena. A benemérita, por suposto, axiña quixo
controlar a situación dándolles o alto e, ante a fuxida dos
fulanos,
disparando incluso uns tiros ó aire para meterlles un chisco de
medo. Os paisanos non eran mancos porque, logo de cruzar o río a
nado, un deles acubillouse detrás dun valado e intentou resistirse
cunha escopeta que levaba consigo. Ó
seguir disparando os gardas, ó outro non lle quedou outra que
escapar, incluso deixando tras de si os zapatos, un chaleco no que
había 12 pesetas e tres cartuchos de escopeta do calibre 12 e
un pantalón.
Tres horas máis
tarde, dous dos “pescadores” presentáronse voluntariamente ante
o xuíz de Baños de Molgas. Un era Delfín Rodríguez Parrias, de 20
anos e veciño de Nocelo. Presentouse cunha escopeta. O outro era
Aureliano Díez Fariñas, de 29 anos e tamén de Nocelo. Manifestaron
que fuxiran co propósito de evitarlle o desgusto ás familias e que
o terceiro chamábase Valentín Rodríguez, irmán de Delfín. A
Valentín non o detiveron -e aquí vén o detalle simpático- por
atoparse enfermo na cama a causa do susto e da carreira que
emprenderan.
Finca
Fierro. Sábado, 25 de abril de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario